O presidente da Confederación Empresarial de Galicia visita os sectores valdeorreses da lousa e do viño

martes, 5 de octubre de 2021

Juan Manuel Vieites reuníase co Clúster da Pizarra de Galicia e con AEVA neste luns e despois visitaba unha nave de elaboración

Cunha recepción ás 10:45h. no Centro Tecnolóxico da Pizarra de Galicia, en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), comezaba a visita que este luns realizaba á comarca o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites. Alí era recibido polo presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo; xunto con membros da directiva desta entidade; tamén responsables da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) como a súa presidenta, Araceli Fernández; e por representantes da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), encabezados pola súa presidenta, Marisol Novoa.

O presidente do Clúster da Pizarra de Galicia daba a benvida aos visitantes e destacaba o peso de dous sectores produtivos en Valdeorras: “a lousa e o viño ou o viño e a lousa, son dous dos motores da comarca”. Deseguido, a presidenta da AEVA facía unha exposición da realidade socioeconómica de Valdeorras, resaltando especialmente o peso do sector da lousa, cunha vocación marcadamente exportadora, e do vitivinícola cunha fonda tradición, “somos a segunda Denominación de Orixe máis antiga de Galicia”, e que apostou na década dos setenta pola súa modernización recuperando a variedade godello, cuxos viños están hoxe considerados entre os mellores do mundo, e que hoxe suma 43 adegas. Tamén apuntaba o potencial do turismo e a súa reactivación neste último ano”.

Fernández del Palacio resaltaba ademais que a principal asignatura pendente da comarca, e que ten sido obxecto de reivindicación dende hai décadas, segue sendo a das infraestruturas, tanto ferroviarias como viarias, con referencias directas ao estado da N-120, á necesidade de mellorar a estrada da Rúa á Gudiña, de impulsar a construción da circunvalación do Barco ou de desenvolver o proxecto da Autovía A-76 (Ponferrada-Ourense). “Temos unhas pésimas comunicacións coa propia capital da provincia, co resto de Galicia e de España”, resaltaba a presidenta de AEVA indicando que esta é unha das carencias que frean a competitividade de Valdeorras, xunto coas carencias en conexións telemáticas, xa que “as infraestruturas non só crean riqueza, senón que a distribúen e iso é determinante para que unha zona sexa máis competitiva”.

O presidente do Clúster da Pizarra de Galicia coincidía tamén nesta cuestión, pero ademais referíase aos desafíos específicos do sector da lousa, como “o subministro eléctrico” e a restauración medioambiental das escombreiras, tamén indicaba que en tema de prevención de riscos é necesario que a administración contintúe habilitando axudas para “incorporar maquinaria que permita reducir o po de sílice en suspensión” así como en materia de I+D+i para así implementar procedementos de eliminación de po, tamén no eido promocional no exterior para levar adiante, por exemplo, misións comerciais inversas.

Tras escoitar estes plantexamentos e demandas, o presidente da CEG aseguraba ter tomado nota disto e incidía no interese de impulsar unha nova confederación coñecendo as necesidades e e demandas das empresas e dos diferentes territorios de Galicia. Tamén se refería á lousa “como un produtor que lidera os mercados” e a súa “gran capacidade de arrastre noutros sectores da economía galega”, así como ao “crecente auxe do viño”, resaltando especialmente o valor á hora de dinamizar o mundo rural e o de contribuír ao desenvolvemento sostible. Vieites valorabada así mesmo a aposta por unir viño, gastronomía e turismo. Aludía finalmente á oportunidade que poden supoñer nos vindeiros anos os fondos de recuperación europea ou Next Generation e poñía en valor o asociacionismo empresarial: “xuntos podemos facer as cousas mellor, temos máis masa crítica e as administracións terán que oirnos de mellor maneira”. A xuntanza concluía coa intervención da presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa, quen insistía na importancia do asociacionismo e lembraba que as demandas e necesidades dos empresarios da provincia xa se están canalizando á CEG a través da CEO. Seguidamente, tiña lugar unha visita á nave de elaboración de lousa da empresa IROSA, no Trigal (Carballeda de Valdeorras), onde o presidentes da CEG e da CEO coñecían de primeira man, e seguindo as explicacións de Rogelio López, responsable de Samaca, os diferentes pasos do proceso de elaboración da lousa. A viaxe de Juan Manuel Vieites a Valdeorras concluía cunha visita ao sector do viño, e máis en concreto, á adega A Coroa na Rúa.

Fotos: A.R.


Comparte la Noticia


Información sobre Cookies

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para recopilar información que ayude a optimizar su navegación web. No se utilizan cookies para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información o conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de Cookies.