
A Asociación Empresarial de Valdeorras impulsa neste mes de decembro de 2022 GASTROMÍMATE, unha ponte de sabores, unhas xornadas para todos os públicos que buscan promover unha alimentación saudable e consciente, con especial atención ao valor diferencial da gastronomía valdeorresa e do sector primario da comarca, en harmonía cos viños da Denominación de Orixe Valdeorras. As actividades desenvolveranse entre os días 5 e 11 de decembro de 2022 e inclúen un concurso de maridanza de pratos e viño, experiencias gastronómicas e formativas na praza de abastos do Barco e unha andaina pola Vía Nova.
II CONCURSO DE MARIDANZA 'GASTROMÍMATE'
As actividades comezarán co II Concurso de Maridanza GASTROMÍMATE destinado a establecementos de hostalaría da comarca. Este concurso dá continuidade á súa exitosa primeira edición, celebrada no Entroido de 2019, e que quedou interrompida ata agora pola pandemia.
Desde o día 5 ata o 11 de decembro, os locais participantes deberán ofrecer a súa fusión de viños tintos ou brancos con gastronomía, nunha proposta natura elaborada para a ocasión a modo de prato único ou ración con productos de tempada e proximidade, como poden ser as setas, a cabaza, as castañas, as noces ou o mel da zona.
Un xurado profesional visitará na derradeira xornada –o sábado, día 10– os seis establecementos finalistas, aqueles con máis puntuación do público, para avaliar as maridanzas propostas e valorará tamén o emprego de produtos “gourmet” de proximidade, como os queixos, embutidos ou aceites da comarca, e viños e licores da D.O. Valdeorras. Ademais, os locais que fagan parte na ruta do concurso contarán con furnas para que o público poida votar tamén as preparacións acompañadas dos viños. As votacións poderán facerse entre os días 5 e 9 de decembro, e entre as persoas que participen na degustación e emitan o seu voto sortearanse tres tarxetas regalo ValdeCASH e un lote de viños da D.O. de Valdeorras especial de Nadal.
Para os establecementos de hostalaría que participen no II Concurso haberá un premio por voto popular, ademais doutros dous do xurado, un pola maridanza con viño tinto e outro pola maridanza co viño branco. A entrega de premios terá lugar o domingo 11 de decembro, ás 12.30 horas, nun acto que estará precedido dun percorrido a través do Malecón coa participación da regueifeira Lupe Blanco Vázquez, quen sacará o mellor das súas dotes interpretativas e de improvisación oral nun roteiro aberto a quen queira sumarse á comitiva.
GASTROMÍMATE NO MERCADO
Este programa complétase coa acción Gastromímate no mercado, que decorrerá o día 10 na praza de abastos do Barco de Valdeorras. Entre as 10.30 e as 12 horas, as persoas participantes poderán descubrir unha nova cara do mercado, da man da nutricionista e tecnóloga dos alimentos Ana Isabel Fernández Escuredo, quen afondará no valor do produto de tempada e Km 0 a través dun percorrido explicativo polos postos do recinto no que encher a cesta da compra de forma consciente. A sesión inclúe, ademais da visita, unha cata de viños de Valdeorras e dalgúns alimentos de tempada a cargo da sumiller Mercedes González Rodríguez.
A actividade pecharase cun concurso gastronómico, aberto a todas as persoas que queiran participar, que só teran que levar á praza de abastos algunha preparación elaborada con produtos de tempada da zona: chulas de cabaza, torta de castaña ou calquera outra preparación con alimentos de Valdeorras.
A inscrición para ambas actividades, a sesión no mercado e o concurso de cociña amateur, é gratuita e pode facerse no seguinte formulario:
INSCRIPCIÓN GASTRONOMÍZATE NO MERCADO ou escribindo a aeva@empresariosdevaldeorras.com

ANDAINA POLA VÍA NOVA
Xunto cos eventos gastronómicos, AEVA programa para a mañá do día 3 de decembro unha actividade destinada a dar a coñecer os vestixios da Vía Nova Romana, ao seu paso polo parque natural da Serra da Enciña da Lastra. Trátase dunha calzada de 2.000 anos de antigüidade, deseñada para conectar Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), capitais de senllos conventos xurídicos de Gallaecia.
O percorrido estará guiado polo arqueólogo Santiago Ferrer, quen achegará ao público os datos máis relevantes da historia da construción e o seu contexto histórico. Ao remate, haberá unha cata de viños, a cargo da enóloga Cecilia Fernández.
O roteiro está dirixido a todos os públicos –aínda que require unha mínima capacidade física– incluído menores de idade, sempre que vaian acompañados. Para participar é nescario umplimentar o seguinte formulario e adxuntar unha fianza de 5€ que se devolverá o día da andaina ou no caso de non asistencia por causa de forza maior.
CARACTERÍSTICAS DA RUTA POLA VÍA NOVA
