
Xornadas de formación práctica en recursos turísticos da comarca. Son CATRO RUTAS que percorrerán os puntos de interese turístico da zona con explicacións detalladas. O obxectivo é formar a profesionais que traballan de cara ao público nos valores patrimoniais e naturais da zona para que podan recomendar Valdeorras.
CONTIDOS
As rutas organízanse en catro eixes temáticos FE E FEUDALISMO (historia medieval e moderna), IN VINO VERITAS (enoturismo), O OURO DE ROMA (vestixios castrexos e da romanización) e HAI OUTRA GALIZA (turismo de montaña e natureza).
RELATORES
Soledad Figueroa e Luis Carrón, guías oficiais de Turismo de Galicia.
DESTINATARIOS
Formación destinada a profesionais dos sectores comercial, hostaleiro e vitinícola. Poderán anotarse todas as persoas interesadas, tendo prioridade as persoas asociadas a AEVA por orde de inscrición.
DATA E HORARIOS
Cada unha das catro rutas realízase en SÁBADO, LUNS e MARTES tarde para adaptarse ás necesidades dos asistentes. Todas se celebran en horario de 16.30 a 21 horas nas datas a escoller no formulario de inscrición:
- Os luns 17 de abril, 24 de abril e 08 de maio
- Os martes 18 de abril, 25 de abril, 09 de maio e 16 de maio
- Os sábados 22 de abril, 29 de abril, 13 de maio e 20 de maio
Aquí pódese descargar o PROGRAMA COMPLETO.
LUGAR
As rutas percorrerán a comarca en autobús, que recollerá aos participantes nos seguintes puntos: a praza de Petín, a praza fronte ao Concello da Rúa e a praza fronte ao Concello do Barco. Finalizará nos mesmos puntos.
INSCRICIÓN E COTA
Cada ruta e día dispón de 30 prazas. A inscrición formalizarase a través deste FORMULARIO.
A inscrición é gratuita para os socios e socias de AEVA.
Aqueles que non formen parte de empresas asociadas deberán aboar unha COTA de INSCRICIÓN de 10€ por ruta e persoa. Os datos bancarios para facer as inscricións serán facilitados coa confirmación de reserva.
Todas as inscricións faranse efectivas cando se reciba un correo electrónico de confirmación dende AEVA.
A listaxe de participantes en cada ruta pecharase 4 días antes da súa celebración. Se algunha ruta tivese moita demanda, os asociados e asociadas de AEVA terán prioridade na reserva de praza.
AS RUTAS DE RECOMENDA VALDEORRAS

FE E FEUDALISMO. CASTELOS, PAZOS E TEMPLOS
OBXECTIVO: Coñecer o patrimonio cultural arquitectónico da Idade Media e Moderna a través da súa historia. As construcións dos señores laicos e relixiosos da comarca e o seu valor patrimonial.
PERCORRIDO: Visita ao santuario das Ermidas (BIC) co relato do xurdimento da tradición mariana e explicación arquitectónica e artística do edificio. Visita ao castelo do Bolo, á Torre do Castro (BIC) e á igrexa de San Miguel de Xagoaza onde coñeceremos a Orde dos Hospitalarios e detalles do mosteiro de Xagoaza.
DATAS: Luns 17/04 · Martes 18/04 · Sábado 22/04

IN VINO VERITAS. ADEGAS, COVAS E VIDES
OBXECTIVO: Concienciar sobre o potencial enoturístico de Valdeorras. Valorar a recuperación da caste godello e a diversidade de viños da comarca. Recoñecer as singularidades etnográficas das covas no contexto galego.
PERCORRIDO: Visita ao miradoiro de Chandoiro coa paisaxe do viño en ladeira recuperada nas últimas décadas. Paseo polas Pinguelas, na Rúa, para comprobar como a actividade humana crea espazos de valor etnográfico integrados na natureza. Visita a unha adega con cova.
DATAS: Luns 24/04 · Martes 25/04 · Sábado 29/04

O OURO DE ROMA. CASTROS, PONTES E MINAS
OBXECTIVO: Descubrir o patrimonio arqueolóxico da época histórica na que Valdeorras era o centro de interese económico e viario da Gallaecia.
PERCORRIDO: Visita ao xacemento do Castrillón, en Larouco, un castro fortificado dos astures. Parada na ponte da Cigarrosa explicando a súa construción e a función da Vía Nova. Rematamos na lápida de Pompeio Reburro situada fronte á igrexa de Santo Estevo, na Rúa, para coñecer a historia deste pretoriano valdeorrés.
DATAS: Luns 08/05 · Martes 09/05 · Sábado 13/05

HAI OUTRA GALIZA. MONTAÑAS, ESTRELAS E NATUREZA
OBXECTIVO: Desfrutar dunhas paisaxes que en Galiza son a excepción, a montaña de Trevinca e os segredos do seu ceo, e mais a vexetación e xeoloxía especial do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.
PERCORRIDO: Visita ao centro de interpretación do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e explicación sobre as súas singularidades paisaxísticas. Visita a un miradoiro do parque na zona de Covas, Vilardesilva e Pardollán. Rematamos cun percorrido pola ruta da Cántara da Moura, na Veiga.
DATAS: Martes 16/05 · Sábado 20/05
Esta formación forma parte da V edición de AEVAEMPRÉGAte financiada co apoio da Deputación de Ourense.
A inscripción é a través deste FORMULARIO.
Descarga aquí o PROGRAMA COMPLETO.