Aforo completo para a ruta sobre viticultura de Recomenda Valdeorras

martes, 25 de abril de 2023

A formación na época romana e na natureza da comarca segue tendo prazas

Tralo feudalismo chegou o momento de fixarse no viño e na viticultura. A segunda das rutas do programa formativo Recomenda Valdeorras comezou dende as alturas, no miradoiro de Chandoiro, dende o que se observa a paisaxe dos viñedos da Bibei, moitos deles en socalcos recuperados nos últimos anos. Esa foi a proposta de Soledad Figueroa e Luís Carrón para abordar a ruta «In vino veritas» que de Chandoiro pasou aos barrios de covas da Rúa Vella, na Rúa de Valdeorras. Alí visitaron as zona históricas das Pinguelas e mais da Coroa, onde remataron cunha cata na Adega Melillas.

 

 

Esta segunda ruta celebrouse o luns 24 de abril e terá unha segunda quenda o sábado 29, aínda que para ese día todas as prazas están cubertas. Se ben a participación comezou sendo tímida, a satisfacción dos participantes está axudando a que se anoten cada vez máis veciños e veciñas da comarca e incluso de zonas próximas. Soledad Figueroa asegura que se trata ademáis de persoas moi activas «con moitas preguntas e que recoñecen o valor que esta información ten para ofrecer un valor engadido aos seus servizos e clientes».

O que se bota en falta dende a organización é unha maior implicación dende o sector hostaleiro do que de momento so se apuntaron dous negocios. «Gustaríanos que se anotaran máis restaurantes e hoteis, porque ao final son os que si ou si teñen contacto cos visitantes», explica Figueroa, quen lembra que as rutas se repiten os luns e martes pola tarde para coincidir co día de descanso do sector. A deste sábado xa está completa pero quedan prazas para as da romanización e do patrimonio natural que se celebran en maio. 

Sinerxias entre participantes

Ademais de para aprender, as rutas están servindo para poñer en contacto a profesionais da comarca que traballan en actividades complementarias e entre os que xa comezan a xurdir sinerxias. Dende a oprganización destacan que os traslados en autobús de punto a  punto estanse convertindo en espazos de conversa sobre as potencialidades económicas e turísticas de Valdeorras que son tan interesantes como as propias paradas. 

Unha das participantes asociada de AEVA, Cecilia Fernández, é enóloga e ten unha tenda de viños na Rúa. Para ela a proposta é moi interesante para «coñecer mellor o lugar e ofrecer alternativas de visita á xente que entra na tenda para levarse unha selección de viños da comarca». Ela ten claro que un dos valores de Valdeorras é a afabilidade dos locais, que sempre sorprende aos visitantes: «Por diante da nosa tenda pasan moitos peregrinos e antes da pandemia tiñamos un cartel no que lles convidabamos a un viño e estabamos moi contentas co resultado. Agora retomarémolo porque ten un retorno claro dende o punto de visto humano, e para o negocio é un valor reputacional e incluso económico porque poden levar unha tarxeta e encargar viño unha vez que volvan a casa».

Tanto Cecilia como o resto de participantes con negocios na comarca recibirán ao final da formación un distintivo para os seus negocios co selo Aquí Recomenda Valdeorras. Para notarse nas rutas do mes de maio hai un formulario dispoñible na web de AEVA ao que se pode acceder dende a súa portada. 


Comparte la Noticia


Información sobre Cookies

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para recopilar información que ayude a optimizar su navegación web. No se utilizan cookies para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información o conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de Cookies.