Este luns 17 de abril arrancaba a primeira das rutas de Recomenda Valdeorras, o proxecto co que AEVA ofrece aos seus asociados —e a veciñanza en xeral— formación en recursos turísticos de Valdeorras. Coordinado por Soledad Figueroa e Luís Carrón, o proxecto comeza cunha ruta titulada «Fe e feudalismo», na que visitarán o santuario das Ermidas, o castelo do Bolo, a Torre do Castro e máis o conxunto histórico de Xagoaza. Nesta última parada, os participantes descubrirán por exemplo, que o coñecido como mosteiro, nunca foi tal e que a igrexa que o acompaña é unha das máis antigas da comarca.

Inscrición aberta ata cubrir prazas
A ruta formativa dura só unha tarde, pero celébrase en luns, martes e sábado (repetindo o mesmo traxecto) para adaptarse á dispoñibilidade horaria de empresas e profesionais. Xa hai preto de trinta persoas anotadas e a inscrición manterase aberta ata completar prazas ata o día previo á súa celebración. As seguintes citas de «Fe e feudalismo» son este martes 18 e sábado 22 de abril. A seguinte semana (24, 25 e 29 de abril) será o turno do enoturismo con «In vino veritas», na que se visitarán adegas, covas e diferentes paisaxes vinícolas de Valdeorras. O legado romano será o protagonista de «O ouro de Roma», a ruta dos días 08, 09 e 13 de maio. O programa rematará con «Hai outra Galiza», unha inmersión na natureza centrada no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e no observatorio de Trevinca. Será os días 15, 16 e 27 de maio.
Recomenda Valdeorras é un programa ideado dentro de AevaEmprégate e apoiado pola Deputación de Ourense. Trala súa finalización, os negocios participantes obterán un selo distintivo de recomendadores de Valdeorras. A participación dos asociados de AEVA é gratuita e terán prioridade á hora de reservar praza.; para o resto, o custe por ruta é de 10€.