O local Alpha Raíces fíxose este domingo con dous dos tres premios do II Concurso de Maridanzas GASTROMÍMATE organizado pola Asociación Empresarial de Valdeorras, AEVA, que esta mañá celebrou no Teatro Lauro Olmo do Barco o acto de entrega de premios. Alpha Raíces fíxose co premio do público e mais o de maridaxe con viño branco, pola súa proposta de canelón de polo Redbro maridado con Brinde de Roandi, godello. O premio de maridaxe con viño tinto foi para Local Bajo 5, que competía cun petisco Valdeorras en forma de empanadilla con masa de níscalos con porco caramelizado e castañas, combinado con Alán de Val Escada (garnacha, tintoreira).
Oito establecementos participaron nesta edición do concurso gastronómico, dirixido a potenciar os produtos gastronómicos locais e de proximidade e os viños da D.O. Valdeorras a través dunha ruta culinaria ao longo de toda a ponte de decembro, dentro das actividades de Gastromímate, unha ponte de sabores. Todos eles recibiron un diploma acreditativo. Tamén para o público houbo un recoñecemento pola súa participación no concurso a través dos seus votos. Neste apartado houbo premios para Tania Suárez, Guillermo González, e Jorge isla, que gañaron un vale ValdeCASH por importe de 30 euros, e Daniel Trincado, ao que correspondeu un lote de viño (que pode recoller no local de AEVA).
O xurado técnico encargado de valorar os pratos e as maridaxes estivo composto pola nutricionista e tecnóloga dos alimentos Ana Isabel Fernández Escuredo e o chef e profesor de cociña e pastelería Manuel Garea, ademais de José Luis Casas, en representación do consello regulador de Valdeorras, e a sumiller Mercedes González.
A entrega de premios estivo conducida pola regueifeira Lupe Blanco, quen protagonizou pola mañá un roteiro cantado polo Barco, acompañada de representantes de AEVA e mais público.
