
A Vía Nova ou Vía XVIII que unía Braga con Astorga é un dos principais valores patrimoniais de Valdeorras e a súa posta en valor como potencial para o sector turístico e de desportes de aventura foi o obxectivo da andaina organizada o pasado 3 de decembro dentro do programa AEVAemprégate co apoio da Deputación de Ourense. A andaina percorreu parte do trazado da Vía Nova atravesando o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, no Concello de Rubiá. Contou coa colaboración da consultoría de experiencias Terras Gigurras, a enóloga Cecilia Fernández, o historiador Santiago Ferrer e máis o biólogo Miguel Conde.

ÉXITO DE CONVOCATORIA
A actividade contaba con trinta prazas que se cubrion en pocuos días, con participantes chegados de toda a comarca, Lugo, A Coruña e Pontevedra. Partiu do Robledo da Lastra e rematou en Biobra, xunto ao centro de visitantes do Parque Natural. Alí celebrouse unha degustación dun menú de inspiración romana e dunha cata comentada de viños de adegas por onde pasa a Vía Nova, como O cepado e Casal Novo de Rubiá e máis Roandi, en Éntoma. Durante o traxecto, que se prolongou durante tres horas, houbo moitas paradas para analizar in situ os restos arqueolóxicos atopados e tamén a flora e fauna do parque. Para a ocasión editouse un díptico informativo que pode descargarse aquí
