AEVA entrega os distintivos de «Recomenda Valdeorras» a quince empresas

viernes, 16 de junio de 2023

50 persoas participaron desta formación turística, que podería repetirse o ano próximo

Foron doce intensas xornadas de formación repartidas en dous meses as que permitiron aos inscritos coñecer mellor os valores turísticos da comarca na que traballan e que, en moitas ocasións, teñen que presentar aos seus clientes. Recomenda Valdeorras, o programa de formación en recursos turísticos posto en marcha por AEVA, deu por finalizada a súa primeira edición coa entrega de diplomas aos participantes e de distintivos para os negocios que dende hoxe poderán identificarse como recomendadores da comarca.

O evento tivo lugar nos Xardíns de Viloira, onde a presidenta de AEVA, Araceli Fernández del Palacio, destacou a boa valoración que tivo a actividade. Na formación participaron 50 persoas, un 40% delas asociadas a AEVA, na súa maioría da comarca, principalmente do Barco, A Rúa e Rubiá. En canto aos negocios, foron 15 as empresas que cumpliron todo o programa entre elas comercios, adegas, tendas de viños, de gastronomía e incluso unha constructora. «O interese polo máis próximo non é unha cuestión de sectores, todos os que traballamos en Valdeorras podemos sentir estima pola nosa comarca e ser anfitrións dos que nos visitan» destacou Fernández del Palacio, quen agradeceu a Soledad Figueroa e Luís Carrón, coordinadores da actividade, o seu entusiasmo e profesionalidade.

 

Un encontro entre profesionais

No evento en Viloira, os asistentes destacaron a importancia de actividades como esta non só pola aprendizaxe, se non tamén polo encontro. Soledad Figueroa, unha das guías que dirixiu o curso, fixo fincapé no «bó ambiente que se creou entre os participantes, moitos deles non se coñecían entre si e acabaron compartindo ideas sobre os seus negocios». Para Figueroa, o aspecto humano foi unha das claves do éxito, xa que aínda que os grupos non eran moi numerosos (entre 10 e 15 persoas en cada ruta) todos amosaban moito interese, ata o punto de que «unha persoa encheu o caderno para notas o primeiro día».

Tanto Figueroa como Carrón amosáronse encantados coa idea de repetir, xa que como guías oficiais, saben de primeira man o importante que é coñecer os recursos turísticos de Valdeorras para ofrecer experiencias significativas aos clientes, sexan ou non turistas. Carrón, quen se encargaba de presentar os contidos, asegurou que de repetirse a actividade tratarían de incorporar novos lugares nas paradas e crear novas rutas por exemplo cos miradoiros ou os encoros.

Na enquisa de balance que se ofreceu aos participantes, o 95% destacaron a necesidade de repetir a formación e a súa alta satisfacción en canto aos guías, á organización, o tempo dedicado e os contidos. Un dos retos que se propoñen é realizar unha segunda edición de RECOMENDA VALDEORRAS tratando de chegar aínda a máis profesionais e sectores.

 

Un distintivo que é unha guía

Os distintivos de recomendador que terán os negocios nas súas fiestras cumplen unha dobre misión; por unha banda sinalar aos responsables dese negocio como interlocutores para saber que visitar en Valdeorras; por outra, son unha guía turística en si mesma pensada para utilizar dende o móbil. 

A través dun código QR incluido no distintivo, accédese ó apartado de Recomenda Valdeorras na web de AEVA onde se pode descargar unha guía e entrar en dúas listaxes de Google Maps que axudan a escoller os posibles puntos de visita e tamén a localizar servizos ou empresas da comarca que completan a experiencia turística.


Comparte la Noticia


Información sobre Cookies

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para recopilar información que ayude a optimizar su navegación web. No se utilizan cookies para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información o conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de Cookies.