A presidenta de AEVA, Araceli Fernández, e a xerente da asociación, Luisa López, presentaron no Barco unha nova iniciativa da Asociación Empresarial de Valdeorras: Valdecash, unha tarxeta regalo creada co apoio do Inorde para incentivar o comercio de proximidade e o consumo responsable. Cunha imaxe unificada que evoca o concepto de moeda local, estas tarxetas de 20€, 30€ e 50€, poderán adquirirse directamente en AEVA ou nos negocios adheridos ao programa. Con isto, AEVA quere poñer o foco na economía circular e na conexión que existe entre todas as activiades económicas que fan comarca, incluindo a restauración e o comercio.
Os obxectivos de Valdecash son:
- a dinamización do comercio local
- a mellora da viabilidade dos negocios
- o consumo responsable e de proximidade
- a sostenibilidade e respecto medioambiental
- a creación de sinerxias entre sectores económicos
- o fomento das relacións veciñais e da cohesión social
- o impulso da rede de economía local
- a mellora da calidade de vida na comarca
Como funciona?
Os establecementos que queiran vender tarxetas ou estar dentro da rede de negocios onde se poden gastar, deben ser socias de AEVA e cubrir un formulario dispoñible na web empresariosdevaldeorras.com. Despois se lles facilitarán as tarxetas, un expositor se o desexan, e un indicativo para a porta ou o escaparate. Estar en Valdecash non ten custe e a súa implementación é áxil e sinxela.
No caso das empresas que queiran adquirir tarxetas para regalar poden dirixirse directamente a AEVA por teléfono ou correo electrónico ou tamén descaragr un formulario de solicitude que está na web da asociación. Tamén a veciñanza pode mercalas a título persoal na sede de AEVA, na Praza do Concello 2, en horario de 8 a 15 horas e de 16 a 19 horas de luns a venres.
