AEVA formará a empresarios e profesionais nos recursos turísticos de Valdeorras

lunes, 20 de marzo de 2023

Recomenda Valdeorras é un proxecto coordinado por Soledad Figueroa e Luis Carrón

Construir comarca tamén é coñecela e, por que non? Recomendala. Ese é o espírito da nova formación práctica posta en marcha por AEVA destinada a comerciantes, hostaleiros, adegueiros e profesionais en xeral sobre os recursos turísticos de Valdeorras co fin de que, aproveitando a súa localización a pé de rúa e as súas relacións directas con visitantes, poidan actuar como recomendadores turísticos.

A formación, que se desenvolverá nos meses de abril e maio, está coordinada por Soledad Figueroa e Luis Carrón, veciños da comarca e guías oficiais de Turismo de Galicia con moita experiencia na posta en valor dos recursos turísticos de Valdeorras. Eles acompañarán aos participantes en percorridos guiados dándolles claves sobre como introducilos ao público no seu contexto natural, social e cultural. Os negocios que participen recibirán ao rematar un documento cos contidos e mais un distintivo para o seu establecemento coa marca RECOMENDA VALDEORRAS.

 

 

«Orgullo de comarca»

Este curso enmárcase dentro de AEVAempregáte, un programa de formación anual que cumple a súa quinta edición e realizado co apoio da Deputación de Ourense. Na edición 2022 xa se realizaron actividades relacionados coa paisaxe e o coñecemento do entorno e o seu éxito de participación motivou profundizar na idea de poñer en valor os recursos turísticos da comarca.

A presidenta de AEVA, Araceli Fernández destacou que RECOMENDA VALDEORRAS quere «facilitar que coñezamos o patrimonio natural e histórico máis próximo, non só por que poida ser bo para os nosos negocios, tamén é bo para a autoestima e o orgullo de comarca». Coa dinámica de facer as rutas en grupo facilitarase ademais unha convivencia entre axentes económicos que poida alimentar sinerxias e oportunidades de colaboración.

 

 

Catro rutas temáticas con tres opcións de data

O deseño da actividade está organizado en catro rutas temáticas e cada unha delas se realizará en tres días diferentes (luns, martes e sábado pola tarde) para adaptarse á disponibilidade horaria dos profesionais. Todas as rutas faranse en autobús cunha duración de catro horas cada día. A participación é gratuita para os asociados de AEVA que terán prioridade á hora de inscribirse. Os non asociados que queiran sumarse deberán aboar unha cota de 10€ por ruta.

A primeira das propostas ten por título «Fe e feudalismo. Castelos, pazos e templos», e está pensada para coñecer o patrimonio e os acontecementos máis sinalados das Idades Media e Moderna. Esta ruta comezará no santuario das Ermidas, despois deterase no castelo do Bolo, a Torre do Castro e rematará na igrexa de San Miguel de Xagoaza. Esta formación será o luns 17, martes 18 e sábado 22 de abril.

«In vino veritas. Adegas, covas e vides» é a proposta para destacar o potencial enoturístico de Valdeorras, poñendo no centro o fito de recuperación da caste godello e a diversidade de viños da comarca, ademais do valor etnográfico dos barrios de covas. O percorrido comezará no miradoiro de Chandoiro coa paisaxe do viño en ladeira, continuará cun paseo explicativo polas Pinguelas, na Rúa, e rematará coa visita a unha adega con cova. Os días desta ruta son o luns 24, martes 25 e sábado 29 de abril.

«O ouro de Roma. Castros, pontes e minas». A terceira das rutas levará aos participantes a descubrir o patrimonio arqueolóxico da época histórica na que Valdeorras era o centro de interese económico e viario da Gallaecia romana. Visitarase o xacemento do Castrillón, en Larouco; a ponte da Cigarrosa explicando a súa construción e a función da Vía Nova; e a lápida de Pompeio Reburro situada fronte á igrexa de Santo Estevo, na Rúa Vella, para coñecer a historia deste pretoriano valdeorrés. Esta ruta farase os días 8, 9 e 13 de maio.

«Hai outra Galiza». O programa de visitas rematará coa posta en valor das paisaxes de montaña que temos en Valdeorras, comezando pola vexetación e xeoloxía do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, onde se visitará o seu Centro de Interpretación. Tras unha parada nos miradoiros do Parque, o programa rematará no máis alto,cunha visita guiada ao Centro Astronómico de Trevinca. Esta ruta tamén se fará tres días en maio para poder escoller data, o luns 15, o martes 16 e o sábado 27.


Comparte la Noticia


Información sobre Cookies

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para recopilar información que ayude a optimizar su navegación web. No se utilizan cookies para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información o conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de Cookies.