A Asociación Empresarial de Valdeorras presentou esta mañá na súa sede de O Barco o programa da terceira edición de Gastromímate, unhas xornadas de posta en valor da gastronomía da comarca con especial énfase na maridanza cos viños da DO Valdeorras. Celébrase os próximos 13, 14 e 15 de outubro e conta co apoio da Deputación de Ourense. A deste 2023, que é a terceira edición, as xornadas evolucionan na súa proposta para implicar ao comercio, destacando o valor económico trasversal que aporta a gastronomía á nosa comarca.
Desta maneira, trinta e un estabrecementos comerciais, entre tendas e bares, disporán o venres 13 e sábado 14 dun recuncho gastronómico de outono onde degustar petiscos elaborados con produtos de tempada. Ademais, celebraranse dúas catas maridaxe con tapas de outono e viños da DO Valdeorras para as que é necesario reservar praza. As actividades de Gastromímate terán lugar no Barco e, por vez primeira, tamén na Rúa, onde AEVA quere incentivar que máis negocios se sumen á asociación empresarial. Os detalles da iniciativa foron presentados este luns 9 de outubro pola presidenta de AEVA, Araceli Fernández.
Degustacións en estabrecementos comerciais
Un total de trinta e un estabrecementos de vintenove empresas distintas disporán na tarde do venres (a partires das 18.30) e na mañá do sábado (a partires das 12.00) dunha proposta gastronómica destinada a sorprender á clientela cun agasallo de sabor premiando a súa aposta polo comercio local e promovendo a difusión da nosa gastromía. A proposta será similar en todos os comercios, con petiscos elaborados con produtos de tempada e da zona: castañas, noces, cabaza, setas, queixo, mel, etcétera. No caso dos bares, será unha proposta única de culler e nas tendas, elaboracións adecuados para o contexto comercial.
Os locais que participan no Barco son Agricentro Terán, Ana de la Puente Perfumería, Bar Jardín, Boutique Suá, Café Bar ANJ3L, Café Bar Lisboa, Café Bar ZigZag, Carnicería Lola, Churrería A General, Corsetería Lady´s, Cousanosa Artesanía e Decoración, El Muro del Malecón, Estanco Librería Laura, Estética Pamen, Ferretería Moncho, Librería Delia, Librería Murciego, Mercería Raquel, Miranda Moda, Multiópticas, Plantoval, Rosendo, Ton y Son, Varadero e Volaverunt. Na Rúa, o recuncho gastronómico estará en Agricentro Terán, Arnaveca Comunicación, Deportes Aris, Fíos, Mercería Raquel, Rosendo e Tenda de Viños Cecilia Fernández.
Catas maridanza con viños da DO Valdeorras
En paralelo ás degustacións nos espazos comerciais, Gastromímate inclúe a celebración de dúas catas nas que se combinarán tres tapas elaboradas con produtos de outono con tres viños da D.O. Valdeorras. As maridanzas estarán conducidas pola sumiller Mercedes Embajadora e celébranse o sábado 14 ás 13.00 horas na Praza do Concello da Rúa, e o domingo 15 ás 13.00 horas no Paseo do Malecón do Barco, á altura da Praza José Otero. Se a climatoloxía é adversa, trasladaránse ao Centro Cultural Avenida da Rúa e á Casa do Río Cigüeño no Barco.
As catas teñen un aforo limitado a 25 prazas e a inscrición custa 10€. Para anotarse hai un formulario dispoñible para o públcio en xeral na web de AEVA a partires do mércores ás 22.00 horas. Ata ese momento, a inscrición estará dispoñible só para os asociados de AEVA xa que con estas actividades preténdese tamén crear espazos de encontro e intercambio entre o empresariado.
Concurso nas redes sociais
Os días que dure Gastromímate (13, 14 e 15 de outubro) estará en marcha un concurso de fotografía en Facebook e Instagram para compartir imaxes das degustacións nas tendas e estampas do outono en Valdeorras incluindo algún elemento da gastronomía comarcal: viño, produtos elaborados, naturais, etc.
Para entrar no concurso hai que incluir na publicación o texto #gastromimate e #aevavaldeorras e etiquetar o perfil de AEVA en cada rede social, para poder rastrexar as publicacións e incluilas no concurso. Entre os participantes sortearánse dúas cestas de produtos da comarca valoradas en máis de 30€, unha da Tenda da Rita e outra da Tenda de Viños Cecilia Fernández, ambos negocios asociados de AEVA.
Todas as fotos publicadas, tanto nas historias coma nos muros das plataformas entrarán no concurso independentemente de quen a publique. Por iso, cantas máis fotos se etiqueten para o concurso, máis posibilidades haberá de optar a un premio. O sorteo farase unha vez que remate Gastromímate e recollerase o premio na sede de AEVA.