Casaio, a cartografía invisible da guerra

jueves, 23 de septiembre de 2021

A vila valdeorresa pula por protexer o patrimonio do volframio e a guerrilla

A historia, como os montes de Trevinca, abrolla nos traumas. Nos anacos dunha cunca de cerámica que, amoreados dentro dunha bolsa pulcramente etiquetada, debuxan a represión e a fuxida. E nas pilas de carbono que foron aparecendo, a ducias, como luzadas da vida cotiá dunha cidade apuntalada nunha guerra invisible. Carlos Tejerizo xira a cabeza e ergue a man. Sinala as abas dos montes máis altos dun país no que a memoria gardou durante décadas o mapa dunha cidade construída na selva na que resistiron ata 1946 os que crían que vencerían os vencidos cando rematase a Guerra Mundial.

A man de Tejerizo érguese en Casaio, comarca de Valdeorras e sinala o que din que foi o derradeiro punto no que ondeaba a bandeira republicana. A Cidade da Selva sobreviviu nunha memoria que agora escava o proxecto Sputnik Labrego: un dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes de Europa que permite coñecer polo miúdo como era a vida da guerrilla antifranquista.

En Casaio permanece a memoria da Guerra española, pero tamén da mundial. «Viñemos motivados polo interese nos chozos onde habitaron os guerrilleiros», pero dunha maneira ou outra, lembra Laura Martínez Panizo, nas conversas coa comunidade de Casaio sempre remataba aparecendo a mina de Valborraz, un testemuño doutra guerra esquecida, a do volframio, que tivo varias frontes en Galicia, dende Fontao (Silleda) a San Fins (Lousame).

Porque se cadra, eses montes poden definirse como unha cartografía. Un mapa do espazo, pero tamén do tempo. Daquela primeira metade do século XX que veu mudar todo o demais. No val aínda quedan en pé (cada vez menos) as estruturas dunha explotación de volframio que iniciaron os belgas en 1913, pouco antes do estourido da Primeira Guerra Mundial. Os seus dereitos de explotación logo foron adquiridos polos alemáns. Máis de 400 presos republicanos traballaron na explotación nazi do volframio ata que coa vitoria dos aliados, a mina foi abandonada e desmantelada. Daquela saída aínda se conservan pormenorizados inventarios do que había en Valborraz. Na década dos 50, retomouse a explotación, esta vez por parte de España, pero pecharía de vez nos 60. O mercado xa non devecía polo mineral.

Abaixo, os nazis. Arriba, a resistencia. Sputnik Labrego ten localizado ata o momento 22 campamentos guerrilleiros, testemuñas mudas de cinco anos de resistencia nos que poucas cousas se deixaron ao azar: nin a localización, nin a loxística, nin sequera a comunicación. Dos restos que quedaron tras o ataque da Garda Civil no 46 sábese que aló, nos chozos, a Federación de Guerrillas usaba crema de dentes, tomaba xarope e incluso criaba animais. Que tiñan armamento chegado de Grecia, de Francia ou de México. E que «sabían que esta era unha loita de longo percorrido».

As cousas, os obxectos, a materialidade, a presenza, moitas veces fala incluso máis do que non está. Así que atopar crema de mans, os restos dunha caldeireta de cordeiro ou un bote de penicilina (que non se comercializou ata a Guerra Mundial) vén revelar unha complexa rede de enlace, de contactos e tamén de como a guerrilla serviu de axente de modernización, introducindo elementos nas comunidades locais.

Por iso, Casaio pula agora por protexer do esquecemento un patrimonio que durante moitas décadas permaneceu oculto, vivindo clandestino nas lembranzas do señor Alfredo, que malia que xa non está, aínda terma da memoria enteira de Casaio coa punta do bastón de mando que sinala aló, no monte, a Cidade da Selva que coñeceu sendo ben cativo. A comunidade de Casaio traballa xa nun proxecto para acadar a máxima protección patrimonial para a súa memoria común, a súa historia e, deste xeito, conseguir que o seu val sexa declarado paisaxe e ben de interese cultural.

Dos 744 BIC de Galicia, só seis son patrimonio industrial

Ano 2020. A máxima figura de protección do patrimonio, o Ben de Interese Cultural, aplicouse a 744 elementos. Deles, 711 son bens inmobles. E só seis son patrimonio industrial. «Iso dá unha idea do que para nós , como sociedade, era importante e o que non o é». Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da sección de Patrimonio de Consello da Cultura Galega, advirte de que o patrimonio industrial, como o que batalla por non esmorecer aos poucos nos montes de Casaio, é unha peza indispensable do crebacabezas que supón unha sociedade, tamén a galega. «Podemos perdelo e perder unha parte da nosa historia ou podemos decidir traballar e recuperalo».

A paisaxe de Casaio é única, unha arqueoloxía da memoria na que a guerrilla antifranquista funciona como elemento ligado á evolución das sociedades campesiñas. A Cidade da Selva configura un relato senlleiro e que non se reproduce nin na zona de Aragón nin outras de Europa occidental. E por iso é importante conservar, estudar e protexer unha cartografía da memoria como é da de Casaio.

Que os proxectos e a recuperación do patrimonio ten que ser en comunidade, de abaixo cara a arriba e tendo en conta sobre todo á xente é se cadra unha das principais conclusións da xornada monográfica do patrimonio in situ que o Consello da Cultura celebrou en Casaio, que forma parte dunha liña de traballo centrada no que se coñece como patrimonios emerxentes, como é o industrial.

Ademais de coñecer polo miúdo o proxecto arqueolóxico e de recuperación que se está a levar a cabo na zona de Valborraz e na Cidade da Selva, tamén se coñeceron durante a xornada outros proxectos semellantes, como é o da recuperación da mina de Fontao, en Silleda, outro dos exemplos da guerra invisible do volframio que tivo en Galicia o seu campo de batalla.

Fonte: A Voz de Galicia

Enlace: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2021/09/22/casaio-cartografia-invisible-da-guerra/0003_202109G22P37992.htm


Comparte la Noticia


Información sobre Cookies

Este sitio web utiliza cookies propias y de terceros para recopilar información que ayude a optimizar su navegación web. No se utilizan cookies para recoger información de carácter personal. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información o conocer cómo cambiar la configuración, en nuestra Política de Cookies.