|
Xestionará diante da Administración apoio para os desempregados do sector para paliar a crise.
O "Foro Valdeorras Século XXI", integrado por concellos, sindicatos, políticos e empresarios, abordou onte 15 de xuño, durante unha reunión na Veiga a crise da lousa e acordou conseguir apoio e axudas para os desempregados do sector. Durante o encontro, a Asociación Galega de Pizarristas analizou un plan de choque con medidas anticrise, entre elas unha campaña de promoción no Reino Unido e solicitar que os plans urbanísticos de Galicia favorezan o emprego da lousa na construción.

A Veiga acolleu unha reunión do "Foro Valdeorras Século XXI", que está integrado por concellos, sindicatos, políticos (representantes do PP, BNG así como a deputada socialista María del Carmen Acuña) e empresarios, durante a que se abordou a crise económica que atravesa o sector da lousa.
O presidente da Asociación Galega de Pizarristas, Jesús Vidal, expuxo un plan de choque con medidas para facer fronte á crise, que foi acordado polos membros do foro.
O plan consistirá nunha campaña de promoción no Reino Unido e, tamén, a solicitude de que os plans urbanísticos dos concellos galegos favorezan o emprego da lousa na construción. Ademais, expón pedir un moratoria de cinco anos na aplicación do denominado "factor esgotamento" (aproveitamento dos recursos mineiros) así como investimentos en investigación e desenvolvemento.
Os membros do foro acordaron apoiar publicamente ao sector e solicitar que se activen axudas para os desempregados da lousa.
Ademais, decidiron solicitar unha entrevista co delegado territorial de Ourense, Rogelio Martínez, a fin de formularlle as necesidades para a comarca.
Neste sentido, os integrantes do foro analizaron proxectos pendentes en materia de infraestruturas para os que solicitarán ás administracións axilidade. Trátase do enlace entre a N-120 e a N-536, a estrada da Veiga-Prada e a autovía A-76 (Ponferrada-Ourense); o acceso para A Rúa dende a N-120, a mellora do firme da N-120 entre o punto quilométrico 441 (alto de Biobra) e o límite coa provincia de León, así como o enlace, ensanche e mellora do firme da N-536; unha estación de reciclaxe de residuos de construción e un aparcamento de vehículos pesados a nivel comarcal.
No referido ás infraestruturas ferroviarias, o foro manifestou o seu apoio para que A Gudiña se converta nun nudo de comunicacións do futuro AVE e conte cunha estación que permita as paradas do tren de alta velocidade. Este interese xorde despois de que Fomento anunciase que a localidade contará cunha estación do AVE. Tamén, xestionará melloras para a liña actual ferroviaria da comarca de Valdeorras.
Outra das xestións que realizarán os integrantes do Foro, a través da delegación da Uned en Valdeorras, é que a comarca dispoña de cursos de verán para os estudantes.
Ademais, acordouse seguir solicitando á Administración o abaratamento do solo industrial na comarca para evitar que as empresas se trasladen a comarcas veciñas como a leonesa do Bierzo.
Tamén se expresou a necesidade de manter e potenciar o Área Sanitaria de Valdeorras co fin de conservar servizos na comarca e rexeitou a idea da Xunta de reducir as unidades escolares para o reagrupamento escolar.
Finalmente, os membros do foro aceptaron a adhesión dun novo membro, a Asociación Trevihost, e puxeron data á próxima reunión, que se desenvolverá dentro de tres meses no municipio do Bolo.
Promoción da comarca durante o Xacobeo
No ámbito de turismo, os membros do foro mostraron a súa satisfacción por conseguir a publicación da primeira guía turística da comarca e agradeceron que a Deputación provincial asumise os gastos da edición.
Ademais, destacaron que tivo moi boa aceptación e que se fai necesario unha reedición, de modo que será solicitada á Deputación. Tamén acordaron traballar para promover a imaxe da comarca durante o Xacobeo 2010.
Fonte: http://www.laregion.es/
|