O foro Valdeorras século XXI centrou a súa reunión de onte en dous eixes fundamentais: o turismo e a crise.
A promoción que do ano Xacobeo se fará por parte da Xunta quere desde o foro ser aproveitada para dar a coñecer o oriente ourensán. «Queremos que Turismo nos monte no carro do Camiño, sobre todo na promoción exterior», explicaba María del Carmen Rodríguez, da comisión de seguimento da ágora, ao termo do encontro. Rodríguez anunciou que pedirán á Deputación unha reedición da guía da comarca, recentemente publicada. «Os 8000 exemplares chegaron para pouco», explicaba. «Queremos que estea nos establecementos hoteleiros, nos Concellos e tamén darlla aos asistentes a actos que se fagan na comarca con xente de fóra», engadía.
É xa que logo que ademais da reedición da guía tal e como foi concibida, solicitarase unha publicación «de peto, máis práctica para levar», matizaba Manuel Fernández. Ademais, solicitarase financiamento á Deputación «para a edición dixital da guía, mediante a elaboración dunha páxina web propia coa comarca», continuaba. Mentres isto non se faga realidade, a guía «aloxarase na web da Deputación», mentres que os Concellos e demais membros do foro inserirán nas súas «unha ligazón con dita páxina».
Tamén relacionado co turismo, aprobouse a adhesión ao foro da Asociación Trevihost da Veiga; e manifestouse o interese do ente comarcal de que o futuro AVE pare, polo menos unha vez ao día, na estación da Gudiña.
Plan de choque da lousa
O foro, ademais, quixo pronunciarse publicamente en apoio ao sector da lousa. O presidente da Asociación Galega de Pizarristas, Jesús Vidal, expuxo un plan de choque cunha serie de medidas que foron consensuadas onte. Ese plan abarca unha campaña de promoción no Reino Unido, demandar que os PXOM galegos favorezan o uso de lousa na construción, un moratoria de 5 anos na aplicación do «factor de esgotamento», o financiamento do circulante e dos stocks, e investimento en I+D+i.
Outro dos acordos foi pedir unha reunión co delegado da Xunta, Rogelio Martínez.
Fonte: http://www.lavozdegalicia.es
|