|
O Foro Valdeorras apoiará o "plan de choque" da AGP fronte á crise e solicitará reeditar a guía.
O alcalde do Barco, Alfredo García, durante unha das súas intervencións neste quinto Foro Valdeorras Século XXI, celebrado na Veiga.
Agradable, distendida e marcada polo consenso. A voceira do Foro Valdeorras Século XXI, María Carmen Rodríguez, calificaba deste xeito a xuntanza celebrada por esta entidade o 15 de xuño na Veiga. É o quinto encontro deste tipo que celebra este foro do que forman parte empresarios, representantes políticos e sindicais valdeorreses e que botaba a andar en setembro do 2007 coa pretensión de traballar conxuntamente a prol do desenvolvemento da comarca.
Dende entón o foro vense reunindo alomenos dúas veces ao ano nun lugar distinto da comarca (ata o de agora no Barco, Carballeda, A Rúa e Rubiá) para facer balance das xestións e actuacións levadas a cabo dende a súa comisión de seguemento e para poñer sobre a mesa novos proxectos.
Desta volta a crise económica do sector da lousa, o turismo e as infrastruturas centraron boa parte do debate. "Nun momento de dificultade política, económica e financieira temos que estar todos no mesmo barco, todos tiramos na mesma dirección porque queremos o mellor para a nosa comarca. De aí que haxa boa vontade e consenso á hora de determinar as cousas", tal e como destacaba a empresaria María Carmen Rodríguez na rolda de prensa posterior ao encontro, que tivo como marco o Hotel Mesón As Chairas da Veiga.
Ao seu carón, o alcalde da Veiga, Fernando Fernández Yáñez, valoraba de maneira moi positiva o encontro. "É un pracer poder contar con tanta diversidade e ao mesmo tempo estar tan unidos nun proxecto ao que lle queda moito aínda, pero que xa vai camiñando dende hai preto de dous anos". Asemade o rexedor destacaba que na xuntanza foi aprobada a incorporación dun representante da Asociación de Hostelería e Turismo de Trevinca (Trevihost) da Veiga ao foro. "É unha asociación que ten moito que aportar a ese sector e ao foro", aseguraba Fernández Yáñez. Nesta reunión do Foro Valdeorras Século XXI estiveron representados os concellos do Barco, A Rúa, Vilamartín e A Veiga, os sindicatos UGT, CCOO e CIG, a deputada valdeorresa polo PSdeG-PSOE María Carmen Acuña, e os representantes en Valdeorras do PP e do BNG, ademais de responsables das asociacións empresariais de Aeva e da Asociación Galega de Pizarristas (AGP).
Logo dunha xuntanza de traballo de preto de tres horas, á que seguíu un xantar, os integrantes estableceron as bases do seu plan de traballo de cara aos vindeiros meses, plasmadas nun documento aprobado unanimidade. Dentro del figura un conxunto de medidas para afrontar a problemática de crise que afecta ao sector da lousa. O presidente da AGP, Jesús Vidal, destacou que , de manterse a actual coiuntura económica, continuará a perda de postos de traballo no sector. "É un problema de mercado non de producción, hai que conseguir facer algo para paliar esta perda de emprego".
Para iso os empresarios propoñen un "plan de choque" que o presidente da AGP presentou no foro e que recabou o apoio dos asistentes. O plan contempla entre as súas accións unha campaña de promoción da lousa no Reino Unido, así como a demanda de que se favoreza a colocación de lousa nos plans xerais de ordenación municipal dos concellos galegos. "É triste que teñamos dificultades para colocar en Galicia un produto como é a lousa. Hai concellos da zona da costa, por exemplo, nos que estaba colocando lousa e agora xa non se pode" destacaba Jesús Vidal. Outras medidas que pide o sector son unha moratoria de cinco anos na aplicación do denominado "factor de esgotamento", a financiación do circulante e dos stocks e inversións en investigación de desenvolvemento.
O plan foi consensuado entre empresarios e representantes dos traballadores a través do foro. Tanto UGT, como CIG e CCOO coincidiron en que é fundamental evitar a perda de máis empregados. "A lousa debemos considerala como un sector estratéxico e buscar medidas específicas e a unidade da comarca", apuntaba Luis Alba, de CCOO. No Foro Valdeorras Século XXI tamén se abordou o Plan Laxa e a importancia de continuar artellando mecanismos de axuda para os desempregados do sector da lousa.
Outro dos eixes temáticos en torno aos que se desenvolveu a reunión foi o do turismo, cunha especial referencia á recente publicación da guía turística "Valdeorras, descúbrea" coa que o Foro vía convertido en realidade un dos seus proxectos iniciais. Dende a entidade expresouse a súa satisfacción e "agradeceuse á Deputación de Ourense que asumira os gastos da edición da mesma"
A boa aceptación da guía, que se ten distribuído xa en eventos internacionais como a mostra Expocidades (celebrada a primeiros de maio en Vilanova de Gaia, Portugal)levou ao Foro a tomar o acordo de soliciarlle unha nova edición á Deputación de Ourense. "Fíxose unha edición de 8.000 exemplares pero chegáronnos para pouco, xa que acabamos de empezar a distribuíla e xa só nos quedan 2.500. A nosa idea e que teñan todos os concellos da comarca e que a leven fóra aos actos nos que participen, pero tamén que se distribúa entre os establecementos hostaleiros da comarca e entre as persoas que nos visiten", continuaba a voceira do Foro Valdeorras Século XXI. Ademais de pedir unha reedición, "temos previsto facer un pequeno resumo desa guía, de tamaño pequeno, para que sexa máis económica e se poda facer unha maior cantidade".
Outro dos proxectos nos que se traballará é nunha edición dixital deste libriño a través da creación dunha páxina web propia da comarca de Valdeorras, pero entre tanto, os contidos da guía aloxaranse na páxina web da Deputación de Ourense para que os concellos e demais membros do foro inserten nas súas webs un enlace con esa páxina.
Asemade o foro manifestou a súa intención de "traballar na elaboración dun programa de presentacións da guía dentro e fóra de Galicia e pedir a axuda das Administracións para poder levalas a cabo. Acordouse tamén aproveitar o esforzo promocional que se vai desenvolver con motivo do Xacobeo 2010 para que, dende a Administración se proxecte a imaxe de Valdeorras".
No decurso da reunión fíxose unha análise nas diferentes cuestión pendentes en materia de infraestruturas na comarca: enlace estrada N-120 estrada N-536, estrada A veiga-Prada, autovía A-76 (Ponferrada-Ourense), acceso á Rúa dende a estrada N-120, a mellora do firme da N-120 entre o punto quilométrico 441 (alto de Biobra) e o límite coa provincia de León; o enlace, ensanche e mellora do firme da N-536, a estación de reciclaxe de residuos da construción e o aparcadoiro de vehículos pesados de ámbito comarcal. "Habida conta de que todos estes proxectos están en fase de desenvolvemento, o Foro fará xestións para conseguir que se axilicen os seus prazos de execución", tal e como se reflicte no documento aprobado na Veiga. No que se refire ás infraestructuras ferroviarias, esta entidade valdeorresa expresou "o seu interese en que A Gudiña sexa nó de comunicacións no futuro AVE, contando cunha estación que permita que haxa paradas deste tren, sen perxuízo de seguir demandando melloras na liña e no servizo de ferrocarril co que conta actualmente na comarca". Ademais tratouse a necesidade de abaratar o solo industrial e a falta de cobertura para telefonía en determinados puntos da comarca, unha demanda que se lle plantexará á Consellería de Economía e Industria.
O Foro Valdeorras solicitará unha entrevista co delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, para plantexarlle as necesidades da comarca plasmadas no documento fundacional do Foro. Tamén se solicitará unha reunión co novo responsable da CRTVG e iniciaranse contactos coa delegación TVE na comunidade para pedir unha mellor cobertura dos eventos que se celebren en Valdeorras. Con ese mesmo fin dende o Foro elaborarase un calendario coas romarías e festas populares tradicionais da comarca.
Os membros desta entidade consideran interesante organizar cursos de verán en Valdeorras "que supoñan créditos para os asistentes, xestión que se realizará nun primeiro momento a través da extesión valdeorresa da Uned de Ourense".Finalmente, expresouse "a necesidade de manter a potenciar a Área Sanitaria de Valdeorras" e no eido educativo, de "evitar o posible reagrupamento de alumnos, tendo en conta a dispersión poboacional da comarca". O Foro manterá un novo encontro dentro de tres meses, nesta ocasión, no municipio do Bolo.
Fonte: http://www.osil.info
|