CastellanoCastellano
Inicio arrow Foro Valdeorras Século XXI arrow Notas de Prensa arrow Editada pola Deputación de Ourense, O Foro Valdeorras Século XXI foi o promotor desta guía.
Editada pola Deputación de Ourense, O Foro Valdeorras Século XXI foi o promotor desta guía. PDF Imprimir Correo-e


 
Baixo o título Valdeorras, Descúbrea, a comarca valdeorresa conta dende o pasado mes cunha guía turística coa que se quere dar a coñecer a riqueza monumental, paisaxística, etnográfica, comercial e gastronómica da zona. Editada pola Deputación de Ourense, o Foro Valdeorras Século XXI foi o promotor desta guía que recolle en 90 páxinas información práctica sobre os nove concellos da comarca valdeorresa.

 

Realizada por Guillermina Lozano, en total editáronse 8.000 exemplares desta guía, 3.000 en galego e 5.000 en castelán, co obxectivo de achegar as potencialidades de Valdeorras a diversas partes da xeografía galega e española. Así o manifestou a representante do Foro, Mª Carmen Rodríguez, que se comprometeu, ademais, a que esta guía "sexa o xerme de futuras intervencións" xa que "o Foro levará adiante máis retos pola comarca".

 

O presidente da Deputación, José Luis Baltar, destacou a importancia desta guía para potenciar o turismo en Valdeorras "unha necesidade da comarca, que ten moito que ofrecer pero moitas veces é a gran descoñecida para os propios ourensáns". O presidente comprometeuse ademais a respaldar todas aquelas iniciativas "que teñan unanimidade".

 

A este respecto pronunciou tamén o vicepresidente da Deputación, Moisés Blanco, quen asegurou que a guía "representa un proxecto de unidade dunha comarca" e reflexa "a realidade dunha zona con grandes recursos, habendo alternativa á nosa base produtiva económica".

 

Na presentación da guía estiveron presentes alcaldes da zona, como o de Petín, Miguel Bautista, o da Veiga, Fernando Fernández, e a de Vilamartín, Mª Jesusa Candal, así como integrantes do Foro Valdeorras.

 

Fonte: http://www.osil.info

 

Notas de Prensa Foro Valdeorras Século XXI