CastellanoCastellano
A prol da comarca PDF Imprimir Correo-e

O desenvolvemento turístico da comarca ea súa promoción, principais eixes temáticos do segundo encontro do Foro Valdeorras Século XXI

Catro meses despois da súa primeira reunión, os membros do Foro Valdeorras Século XXI veñen de manter unha nova xuntanza o 20 de decembro. Sobre a mesa, un repaso das xestións realizadas pola comisión de seguemento ó longo destes meses e un plan de futuras actuacións. Se na primeira ocasión o escenario elexido foi o Pazo do Castro, desta volta, os membros desta entidade valdeorresa desprazáronse ata o Centro de Iniciativas Turísticas Fonte da Cova de Trevinca (Carballeda de Valdeorras).


Outra das novidades foi á incorporación a esta entidade (formada ata o de agora por representantes empresariais da comarca e políticos) do presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, José Luis García Pando, así como dos sindicatos CIG e CCOO. UGT tamén estaba convidado pero o seu representante comarcal non puido asistir.


A xuntanza comezou en torno ás doce do mediodía e prolongouse cun xantar de traballo, ata as catro da tarde. O consenso caracterizou este segundo encontro no que ademais dos citados sindicatos e do CRDO Valdeorras, estiveron representados os concellos de Carballeda de Valdeorras, O Barco, A Rúa, Petín, Vilamartín e Rubiá, xunto coa Asociación Empresarial Valdeorras e a Asociación Galega de Pizarristas.

Tamén asistiu a deputada autonómica do PSdG-PSOE, María Carmen Acuña e o vice-responsable comarcal do BNG de Valdeorras, Manuel Rodiño. O resto dos concellos da comarca, así como o deputado provincial do PP, Moisés Blanco, desculparon a súa ausencia.

O foro volverá a reunirse despois das eleccións de marzo. “Como se vai iniciar un período pre-electoral, a intención deste foro é manterse fóra dos avatares de simpatías e antipatías políticas, así que non imos manter novas xuntanzas ata que finalice o período electoral. Posiblemente no mes de abril ou maio celebraremos a seguinte.

 Aínda así, dende a comisión de seguimento imos seguir mantendo un traballo intenso”, comentaba o empresario Manuel Fernández Blanco, que exerceu como voceiro  do foro despois da xuntanza. Incidiu tamén en que “temos a impresión de que o foro está calando en Valdeorras, cremos que pode servir para algo, para poder pelexar pola comarca, ese é un sentimento que captamos na xente da rúa”.


O punto de partida desta reunión de traballo foi un balance das actuacións levadas a cabo nos últimos meses tendo como referencia o documento consensuado en setembro, no que se recollían as principais necesidades e demandas de Valdeorras en materia de solo industrial e infraestruturas, do sector da pizarra e do vitivinícola, así como nas áreas de turismo, sanidade, educación e novas tecnoloxías. O documento foi xa presentado ás diferentes Administracións.


Entre esas xestións figuran a entrevista que os integrantes da comisión de seguimento mantiveron en outubro coa xerente de Xestur Ourense, Dolores Rivero, e que se centrou na necesidade de solo industrial da comarca e nos proxectos de desenvolvemento de novo solo.

 Despois a comisión reuniuse, xa en novembro, co delegado en Ourense da Consellería de Innovación e Industria, Xosé Antón Jardón Dacal, e propúxolle a realización dun estudio sobre as potencialidades turísticas de Valdeorras. Jardón Dacal comprometeuse a transmitir esta proposta ó director xeral de Turismo.

A comisión do foro foi recibida asemade polo presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, quen se comprometeu a financiar a edición dunha guía turística de Valdeorras.


Logo de coñecer os detalles desta  última proposta durante a reunión en Fonte da Cova, os integrantes do foro acordaron aceptala e levar a cabo a edición desta guía en formato papel e tamén CD, xa que isto permitirá darlle unha maior difusión. Será unha guía manexable e práctica. Os asistentes tamén consideraron importante poder incluír eses contidos, unha vez que a guía estea feita, nas páxinas webs dos concellos ou incluso crear unha páxina comarcal.

“Queremos elaborar a guía turística de Valdeorras e facela en formato dixital e, a partir de aí, ver se se pode chegar a unha web. De momento, imos ver qué nos financia a Deputación de Ourense e logo miraremos como o podemos completar”, explicou María Carmen Rodríguez, membro da comisión de seguemento do foro. Tentarase que a guía sexa unha realidade en papel no primeiro semestre do 2008.

 

Fonte: http://www.osil.info         Texto: Ángeles Rodríguez  

 

Notas de Prensa Foro Valdeorras Século XXI