|
Expansión, xoves 8 de abril de 2010
Entre os anos 2003 e 2008, o número de actividades industriais existentes en Galicia só creceu un 1% segundo datos do observatorio Indiceo, promovido pola Confederación de Empresarios.
A metade das actividades industriais e comerciais asentadas na provincia de Ourense concéntranse en só dúas das doce comarcas ourensás, en concreto no polo económico da capital e no de Valdeorras. Entre ambos soportan o 49,50% da industria, o 47,2% das actividades vinculadas ao sector da construción. No caso do comercio almacenista, ponderan co 67,2% das superficies.
En Galicia, a provincia de Lugo perdeu o 4,8% das súas actividades industriais entre 2003 e 2008, e Ourense do 8,1%. Pola contra, na Coruña aumentaron un 4,9% e en Pontevedra un 3% o que permitiu situar a variación media galega no 1%. Estes datos foron divulgados onte na presentación do Indiceo, un observatorio estatístico impulsado pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO). O acto contou coa presenza do director do Instituto Galego de Estatística, José Antonio Campo Andión. Entre as conclusións do informe recollidas de Ardán, destaca que esta provincia xera máis do 50% de Valor Engadido Bruto sectorial en tres áreas de actividade: a extracción de lousa, co 83% do VAB sectorial galego; a fabriación de artigos e produtos téxtiles (excluídos os fabricantes almacenistas), co 67%; e a produción e servizos eléctricos, co 53%.
En PIB per cápita, dous das comarcas de menor densidade empresarial, Trives e Viana, son paradoxalmente as que despuntan no ranking provincial, con niveis moi superiores ao PIB per cápita medio de Galicia e de España. Con todo, esta circunstancia non se explica polo desenvolvemento industrial, senón que ten unha relación directa cos encoros e coa produción hidroeléctrica. Por iso Indiceo fala dun "PIB ficticio", xa que combina factor demográfico e peso do sector eléctrico, aínda que este non contribúe decisivamente nin en riqueza nin en emprego sobre as economías locais.
Segundo datos do observatorio ourensán, as comarcas nas que a emigración tivo un peso son as que presentan unha maior ponderación dos rendementos por capital, aforro e plusvalías entre os contribuíntes do IRPF. É o caso de Celanova, A Limia e Carballiño, onde as rendas desligadas do traballo representan a quinta parte do total.
Por outra banda, o estudo interpreta que as zonas da provincia máis castigadas pola crise son Ourense, Valdeorras e Carballiño, precisamente o tres áreas máis poboadas. O informe chega a esa conclusión a partir de dúas variables, o crecemento do paro rexistrado e o descenso das matriculacións.
|