|
Javier Rodríguez, presidente da Asoc. Empresarial de Valdeorras, considera clave o apoio das Administracións para que a comarca poda saír da crise
Nunhas semanas abriranse ao público ás novas aulas de formación da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA). Situadas na praza barquense de Andrés de Prada, estas instalacións materializan a aposta desta entidade por seguir dando novos pasos, neste caso entrando na xestión directa da formación, e veñen a convertir en realidade unha das ideas nas que leva traballando neste último ano Javier Rodríguez Paradelo.
Este xoven empresario valdeorrés da construcción asumíu a presidencia de AEVA (que agrupa a 305 empresas da comarca) en xuño de 2008. Recoñece que ao principio custoulle poñerse ao día, xa que "coñecía a asociación dende o punto de vista da miña empresa, pero non o seu funcionamento interno. Pero, pouco a pouco, e gracias á directiva, á xerente, e, especialmente aos anteriores presidentes (María Carmen Rodríguez e Santiago Melo), que estiveron continuamente comigo vendo os diferentes asuntos, funme metendo na xestión".
Logo de pouco máis dun ano ao fronte de AEVA, destaca que a entidade está moi ben valorada polas institucións e agradece o apoio que a asociación está tendo por parte da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), a través do seu presidente, Francisco Rodríguez, e do seu secretario, Juan José Molinos.
Ademais das aulas de formación, son moitas as iniciativas que ten entre mans Javier Rodríguez. "Estamos traballando en novas ideas", adianta, "o próximo proxecto será conseguir unhas novas instalacións, é dicir, unha nova sede da asociación o suficientemente grande como para integrar nela a xerencia, as aulas de formación e, se fora posible, un viveiro de empresas". E iso sen perder de vista as antigas demandas do sector empresarial valdeorrés, entre elas, as de infraestruturas de comunicación, tendo como referente a autovía A-76, e o abaratamento do solo industrial.
Califica de "difícil" o momento económico que está a vivir a comarca, cuio motor é o sector da pizarra, e considera necesario un respaldo institucional para que as empresas poidan saír adiante e, dese xeito, manter o tecido produtivo valdeorrés. "Debería haber un apoio por parte das diferentes administracións; a provincial, a autonómica e a do Estado. Éste ten sido un núcleo importante de traballadores e de empresas e agora necesitamos que reinvirtan aquí parte deses impostos que se pagaron ao longo destes anos".
Despois destes meses na presidencia de AEVA, ¿resulta complicado compatibilizar o seu traballo como empresario coas responsabilidades do cargo?
É algo complicado, pero AEVA, tanto a xerencia como o persoal, teñen xa unha dinámica de por si que funciona sola, aínda que si é certo que necesita que lle adiques un tempo. Trátase de pensar en novos proxectos e dende a directiva estamos todos aí para novos retos.
¿Que proxectos considerou prioritarios?
A miña chegada á presidencia xustamente coincidíu co cambio de oficinas de AEVA que pasaron do chamado "edificio sindical" ao antigo Concello do Barco. Fíxose ese cambio e agora, en setembro, temos previsto inaugurar unhas novas instalacións, unhas aulas de formación que estamos homologando e nas que xa temos para este ano varios proxectos acordados. Un deles vai ser un plan experimental a través do cal imos tentar colocar a 50 persoas que estean en paro.
¿Que distribución teñen esas novas instalacións?
Hai un aula de informática, cunha superficie de 90 metros cadrados, e con 16 ordenadores conectados á rede con novos equipos. Para esa zona xa temos plantexados para este ano cursos como o de videodisco. Logo hai outra aula de teórica de 80 m2 e con outros 16 postos e unha zona de oficinas, de 65 m2, a onde se trasladarán tres persoas de AEVA, entre elas un orientador laboral que se contratou este ano. Sen embargo, a xerencia vai permanecer nas oficinas que agora están no Concello do Barco.
|