|
A fin da campaña
AEVA entrega os premios do sorteo de Nadal e os do concurso de escaparates
Premios para os clientes, pero tamén para os comerciantes. O peche da campaña de Nadal 2008 de Aeva reuníunos a ambos nun concurrido acto celebrado o 20 de febreiro no salón de actos na Casa do Ríocigüeño do Barco, sede da Fundación Comarcal Valdeorras. “Na campaña que hoxe clausuramos repartíronse un total de 65.000 papeletas para participar no sorteo de talóns de compra por importe de 4.500 euros”, explicaba nada máis iniciar o acto a representante do sector Comercio de Aeva, Carmen Cruz, quen tamén sinalaba que “lamentablemente, só unha parte dos premios teñen sido reclamados, a pesar de que se ampliou o prazo inicialmente previsto”.
Un total de 129 establecementos de Valdeorras participaron nesta campaña, que incluíu ademais a organización de actividades de animación de rúa e de obradoiros infantís no Barco e na Rúa."Un ano máis quixemos reservar un espazo para os nenos da comarca", aseguraba a responsable do sector Comercio de Aeva, que lembrou que con esta entrega de premios preténdese "contribuír a animar as festas navideñas e procurar a implicación e a participación dos nosos veciños e clientes nas actividaes organizadas. É unha satisfacción poder traballar dende a asociación para favorecer mellores servizos e tamén para premiar a fidelidade dos nosos clientes".
Tras facer entrega dos talóns de conpra ós agraciados no sorteo (celebrado ante notario o pasado 12 de xaneiro), tocoulle ó turno os comerciantes. Recibiron os galardóns do IX Concurso de Escaparates Nadal 09 (cun xurado estivo formado por compoñentes das asociacións de mulleres "A Veiguiña" da Rúa, "O Teixadal" de O Barco, así como a de mulleres rurais de Vilamartín), no que participaron vinte establecementos.
O primeiro premio (dotado con 200 euros) correspondeulle a Bazar Anel, o segundo (de 150 euros) foi para librería Murciego (que empatou a 54,5 puntos co primeiro establecemento galardonado) e o terceiro (100 euros) foi Garoba.
Ademais recibiron obsequios do cuarto ata o oitavo premiado. O cuarto premiado foi o escaparate de Mayayo (que recibíu un obsequio do Periódico O Sil), mentres que os seguintes mellores escaparates foron, por esta orde, os de Araújo Piel, Perfumería Ana de la Puente e, finalmente, Flores Esnat.
|