|
Santiago Melo, homenaxeado pola súa labor ó fronte de Aeva.
Sentíuse arroupado pola súa familia e os seus amigos. E así o manifestou, visiblemente emocionado, nada máis tomar a palabra.
O empresario barquense Santiago Melo Moreno recibíu o 28 de marzo unha homenaxe nunha cea organizada dende a Asociación Empresarial de Valdeorras (Aeva), en recoñecemento pola súa traxectoria de oito anos como presidente desta entidade (do 2000 ó 2008).
Nos postres, e tras recibir diferentes agasallos (de Aeva, do Barco Centro Comercial Aberto e da CEO), Santiago Melo dirixíuse ás 150 persoas asistentes para agradecerlles á súa presenza e, de seguido, lembrar a súa experiencia ó fronte da entidade empresarial vadeorresa, á que chegou coa ilusión de "darlle outra vida".
Tamén recordou os logros conseguidos, entre eles, que "todos os concellos da comarca se implicarán coa nosa asociación, a posta en marcha de proxectos conxuntos con outras agrupacións empresariais da parte oriental da provincia "de maneira que se vise que Ourense non é só a capital, senón que somos moitas comarcas que estamos ó redor e, por desgarcia, lonxe dos centros de decisión e conseguimos que o noso esforzo se tivese en conta". E mencionou como outro punto de inflexión na súa xestión a posta en marcha, en setembro do 2007, do Foro Valdeorras Século XXI.
Tamén tivo palabras de recoñecemento para a xerente da asociación, Luisa Cruz, e para as súas tres becarias: Coral, Marta e Beatriz. No acto intervíu tamén a presidenta do Barco CCA, Charo López, quen lle deu as grazas de xeito persoal a Melo pola súa axuda cando se fixo cargo da asociación, "nel sempre encontrei unha frase de ánimo".
Neste homenaxe, celebrada no Pazo do Castro (O Barco), participaron diversos representantes empresariais e políticos da comarca e tamén da provincia de Ourense.
|