CastellanoCastellano
Inicio
La Voz de Galicia, 29-05-09 PDF Imprimir Correo-e
Un foro de investidores financiará tres proxectos innovadores de Ourense.

O Barco acolle hoxe a presentación das iniciativas empresariais e unha homenaxe a Honorato López Isla.

O Pazo do Castro do Barco acolle hoxe a partir das once da mañá a oitava edición do foro investidor da rede Bang, que presentará os seis últimos proxectos que foron validados, tres dos cales pertencen a emprendedores ourensáns. Biotecoes -centrada na descontaminación de solos e na comercialización de produtos patentados para a recollida de residuos perigosos-, AutoRestore -dedicada á restauración de danos en vehículos- e Perico -que comercializará a famosa salsa da taberna ourensá do mesmo nome- son as tres iniciativas que serán financiadas despois de analizar a súa viabilidade. Xunto a eles presentaranse outros tres proxectos, dous presentados desde Madrid e un desde Cartagena. As seis empresas precisarán dous millóns de euros para poder saír ao mercado.

Durante a xornada de hoxe tamén se celebrará a cuarta edición do Foro de Emprendedores da Rede Bang, que asesorará a once potenciais empresarios -catro deles do Barco e un de Celanova- coa participación de dous especialistas en valoración de plans de negocio e análise de proxectos.

O acto inaugural da xornada contará coa participación do director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy, e do presidente da Asociación de Empresarios de Valdeorras, Javier Rodríguez Paradelo. É de destacar a celebración, ás 13.00 horas, dunha homenaxe ao empresario valdeorrés Honorato López Isla, nacido no Bolo e vinculado con Unión Fenosa desde 1972. A este acto asistirán, ademais das personalidades anteriormente citadas, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, e o presidente da Confederación Empresarial de Ourense, Francisco Rodríguez.

Fonte:  http://www.lavozdegalicia.es

 
 

Boletín de Noticias