|
Seis empresarios buscarán financiamento para os seus proxectos nun encontro no Barco
O Barco foi o lugar elexido para que seis emprendedores necesitados de financiamento presenten os seus proxectos a posibles investidores. Será no Foro Investidor Bang (Business Angels Network Galicia) da Confederación Empresarial de Ourense.
As instalacións do Pazo do Castro (O Barco) serán escenario da presentación dos seis proxectos empresariais deseñados por outras tantos emprendedores. Os seus promotores acoden coa idea de convencer das bondades dos seus plans aos investidores congregados polo "VIII Foro Investidor Bang (Business Angels Network Galicia)", que promove a Confederación Empresarial de Ourense (CEO), segundo apuntou onte a súa coordinadora, María Fernández.
A cita será o próximo 29 de maio e na súa organización colabora A Asociación Empresarial de Valdeorras (Aeva), que preside Javier Rodríguez.
O programa abrirao o "XI Foro Emprendedor BANG", ao que acudirá un grupo de emprendedores que busca información acerca desta iniciativa da CEO. O seu principal obxectivo é achegar ás posibles fontes de financiamento aqueles plans empresariais que os seus asesores consideren viables.
Este criterio selectivo intenta apostar polas novas tecnoloxías e os sectores emerxentes de base tecnolóxica, aínda que tamén teñen cabida outras propostas de ámbito ambiental, sempre co marchamo común do seu carácter novo e innovador, como a biotecnoloxía.
Este acontecemento será aproveitado para tributar unha homenaxe ao valdeorrés Honorato López Isla, presidente do operador de cable "R", trala súa saída de Unión Fenosa, despois de 37 anos.
Cinco anos de experiencia avalan a iniciativa
Os foros da Confederación Empresarial de Ourense foron creados fai cinco anos. Dende entón, desenvolvéronse 10 de emprendedores e sete de investidores. Durante este mesmo período, prestou servizo a 303 emprendedores, analizando un total de 121 proxectos. Deles, 49 recibiron o visto bo dos asesores e foron presentados en busca de investidor, un obxectivo que lograron 12 e que están a punto de conseguir outros catro.
O abano de investimentos que propón o Foro Investidor BANG vai dende os 25.000 ata os 250.000 euros. Non obstante, son meras referencias, pois nalgún caso os investimentos alcanzaron os 3,5 millóns de euros. É o único "Foro BANG" galego, aínda que lle chegan propostas de todo o Estado, ultimamente moitas procedentes de Tenerife.
Fonte: http://www.laregion.es/
|